O libro é un soporte moi estable e é probablemente o grande invento da humanidade para transmitir e conservar información e coñecemento, pero tamén para o pracer de ler. Pero o libro vai convivir con outras formas, outras tecnoloxías e outras linguaxes da comunicación. É unha cultura que non é máis que a capacidade que teña unha sociedade para crear discurso e distribuílo no mundo a partir dos seus propios intereses, da súa propia identidade, pois ten que ser capaz de dialogar con todas esas tecnoloxías, con todas esas linguaxes novas. Son os desafíos de futuro e é onde estamos traballando. E a cultura galega ou se sitúa nese horizonte e pacta co novo tempo ou non ten futuro. E eu estou convencido de que temos futuro.
Victor F. Freixanes, Construíndo a identidade, Galicia-Hoxe